Sada busca 24 postos para encher de ambiente a XV Feira Modernista

ACoruñaXa
O Mercado Modernista celebrarase do 31 de xullo ao 2 de agosto e incluirá artesanía, antigüidades, produtos tradicionais, bebidas e repostería
feira-modernista-sada
30 Jun 2026

A Concellería de Cultura de Sada abriu a convocatoria para participar no Mercado Modernista 2026, unha das propostas que reforzará a programación cultural e de lecer da XV Feira Modernista, prevista para os días 31 de xullo, 1 e 2 de agosto.

O Concello ofertará un total de 24 postos. Deles, 22 estarán destinados á venda de produtos de artesanía, antigüidades, oficios tradicionais ou alimentos artesáns e ecolóxicos. A maiores, reservarase un posto para bebidas e coctelería e outro para repostería ou xeadería.

Poderán presentar solicitude persoas físicas ou xurídicas con capacidade para exercer a venda ambulante ou vinculadas aos sectores incluídos na convocatoria. As persoas participantes deberán comprometerse a ambientar e decorar os seus postos con elementos inspirados na estética modernista.

Ademais, quen venda ao público no mercado terá que caracterizarse e empregar unha vestimenta acorde coa época, co obxectivo de recrear o espírito e os costumes sociais vinculados ao movemento modernista.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase o 6 de xullo ás 9.00 horas e rematará o 12 de xullo ás 23.59 horas. As bases completas e o formulario de inscrición están dispoñibles na web municipal de Sada.

0.13232111930847