Sada avanza na rehabilitación integral da Capela de San Roque, cun investimento estimado de 376.000 euros

O Concello de Sada continúa os traballos previos para executar a rehabilitación e reforma integral da Capela de San Roque, unha intervención coa que busca asegurar a estabilidade estrutural do edificio, corrixir as patoloxías detectadas nos estudos técnicos e mellorar o seu estado de conservación, mantendo o respecto polo seu valor patrimonial.
Segundo o proxecto contratado polo Concello, redactado polos arquitectos Jorge Aragón Fitera e Manuel J. Freire Tellado, a primeira medida será a retirada da fonte situada xunto á fachada norte, que se identifica como a principal causa dos problemas na cimentación. A partir de aí, a proposta inclúe a mellora do terreo mediante a inxección de resinas expansivas, unha técnica non destrutiva para consolidar o solo e contribuír a estabilizar o inmoble.
O reforzo completarase coa instalación de micropilotes baixo os muros para aumentar a capacidade portante do terreo. Ademais, o proxecto contempla a reconstrución dos muros afectados, o cosido das gretas existentes, o saneamento das zonas con humidades e a posta a punto da estrutura metálica do campanario, substituíndo as pezas que non poidan recuperarse.
Os arquitectos estiman un orzamento inicial de 376.000 euros. O goberno local pretende que unha parte desta contía se financie con cargo ao POS Adicional da Deputación, unha proposta que será debatida no pleno ordinario deste xoves.
Desde o Concello lembran que a capela é un inmoble protexido e que, por este motivo, foi necesario avanzar con estudos previos e tramitacións específicas, incluída a solicitude de autorización a Patrimonio e a contratación dun estudo arqueolóxico, clave para afondar nas causas dos asentos detectados e definir a solución máis axeitada. A fachada permanece reforzada cun sistema de suxeición instalado o pasado ano, unha medida que obrigou ao peche da instalación municipal por seguridade.