Sada avanza cun novo regulamento para a inclusión social para mellorar a atención e reforzar as axudas
O Concello de Sada está a promover a aprobación dun novo Regulamento de Medidas para a Inclusión Social, que substituirá o regulamento anterior de 2016. Esta iniciativa ten como obxectivo modernizar e fortalecer as políticas de apoio destinadas a persoas e familias en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social.
O novo regulamento está actualmente en período de exposición pública e busca adaptar as políticas sociais ás novas realidades do Concello. Sada, que experimentou un crecemento poboacional significativo nas últimas décadas, especialmente desde 2015, necesita actualizar os seus servizos públicos e mellorar os recursos dedicados ao benestar social. O aumento da poboación implicou tamén un incremento substancial no orzamento destinado a gasto social, que pasou do 8% en 2014 ao 20% no presente ano.
Patricia Martínez, concelleira de Benestar Social, Igualdade e Emprego, afirmou que “este goberno ten un claro compromiso social que queremos reforzar con esta nova normativa”. Martínez destacou que o novo regulamento permitirá ao Concello xestionar axudas económicas de carácter asistencial de maneira máis áxil e eficiente, sen a necesidade de seguir o réxime xeral das subvencións.
“Queremos favorecer a inclusión social das persoas en situación de vulnerabilidade, facilitando o acceso a recursos que cubran as súas necesidades básicas. Tamén é crucial colaborar na corrección das desigualdades sociais e evitar situacións de exclusión mediante a concesión de axudas e medidas de apoio”, engadiu a concelleira.
O Concello de Sada reafirma así o seu compromiso coa xustiza social e co obxectivo de crear un entorno máis inclusivo e solidario, asegurando que os servizos sociais sexan efectivos e respondan ás necesidades actuais da comunidade.