Sada actualiza o seu Plan de Asolagamentos para mellorar a resposta ante emerxencias

ACoruñaXa
O alcalde Benito Portela preside unha reunión para revisar o protocolo de actuación ante inundacións e coordinar a mobilización de recursos municipais
Sada Plan emergencias
14 Nov 2024

O alcalde de Sada, Benito Portela, encabezou esta mañá unha reunión técnica para revisar e actualizar o Plan de Asolagamentos Municipal, un protocolo implementado en 2020 e que busca garantir unha resposta rápida e coordinada ante posibles inundacións no concello. Na reunión participaron o concelleiro de Obras e Servizos, Fernando Fariña, e as concelleiras de Seguridade Cidadá, Pilar Taibo, e Benestar Social e Igualdade, Patricia Martínez, ademais de representantes da Garda Civil, a Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias (SEM).

O Plan de Asolagamentos, actualizado cada ano, ten como obxectivo establecer accións claras para os distintos niveis de alerta e preparar aos equipos de traballo municipais, que inclúen tanto operativos como servizos de seguridade, para actuar de maneira eficaz. Un dos aspectos centrais da reunión de hoxe foi identificar áreas de mellora e coordinar a disposición de recursos, desde equipamento e vehículos ata o persoal implicado. Este traballo conxunto busca optimizar a axilidade das respostas ante situacións que, dependendo do nivel de alerta, poden demandar a mobilización de efectivos e recursos en varios puntos da localidade.

Dado que a zona da Lagoa-Brañas é unha das máis afectadas, un dos temas destacados na reunión foi o reforzo de actuacións preventivas nesta área. Así, a intención do concello é manter as revisións regulares para anticipar posibles problemas e mellorar a infraestrutura en puntos estratéxicos.

A última vez que se activou este protocolo foi a pasada primavera, ante o posible risco de inundacións en varias rúas da zona de Lagoa-Brañas, onde, tras a activación do plan INUNGAL pola Xunta, foron mobilizados efectivos da Policía Local, SEM, operarios de Obras e Servizos, así como técnicos de Viaqua para garantir unha resposta adecuada.

 

⚙ Configurar cookies
0.29790902137756