Sada acometerá a humanización da estrada de Riovao entre a Chaburra e o antigo lavadoiro

ACoruñaXa
O proxecto promovido polo Goberno local contempla un investimento total de 665.000 euros para transformar por completo esta vía
Imaxe do proxecto de refoma da estrada de Riovao entre a Chaburra en Sada
20 Xuño 2024

O goberno local de Benito Portela levará ó pleno desde mes de xuño para a súa aprobación un expediente de modificación de crédito que permitirá mobilizar preto de 2,9 millóns de euros con cargo ó remanente de tesoureiría para distintos investimentos. Segundo a liquidación do orzamento correspondente ó exercicio de 2023 este remanente para gastos xerais acada a cantidade de 4.821.504 euros.

Unha das principais partidas que recolle este documento irá destinada ó proxecto para a reforma integral e humanización da estrada DP-7509 ó seu paso polo núcleo de Riovao. Esta estrada, de titularidade provincial, será reformada entre os cruces coa estrada AC-183 na Chaburra e a DP-7503, ata o cruce do antigo lavadoiro.

O proxecto do Concello de Sada contempla a creación dunha plataforma única que permitirá a ampliación das beirarrúas e a mellora do firme. O obxectivo é mellorar a mobilidade peonil, reordenar o tráfico e crear zonas de aparcamento específicas para vehículos. O groso do investimento irá destinado a novas instalacións e substitución das existentes e ao propio pavimento, máis a reforma integral desta vía contempla tamén a creación de zonas verdes, coa plantación de distintas árbores, e a instalación de mobiliario urbano. Para a execución deste proxecto prevese un investimento de 665.000€, que Concello e Deputación acordaron repartir entre ambas as dúas administracións.

“Un dos obxectivos que define o noso proxecto de goberno é traballar para levar os investimentos a todas as parroquias. Así o reflectimos nos orzamentos de 2024 e así o amosamos con este proxecto para a reforma integral da estrada de Riovao.” afirmou o concelleiro de Obras e Servizos e Medio Ambiente, Fernando Fariña. “Dende hai tempo existía unha demanda por parte dos veciños para que o Concello fixese algo máis que amañar de forma puntual esta zona, e este proxecto da resposta a esas demandas” remarcou Fariña

0.1526939868927