Sacan a licitación as obras de urbanización do soar existente entre as rúas Cerca e Antonio Ríos

ACoruñaXa
A actuación vai na liña do Goberno de Inés Rey para fomentar o espazo público, actuando nunha zona carente de uso e esquecida durante décadas
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
9 Out 2024

O Concello da Coruña sacou a licitación as obras de urbanización do soar existente entre as rúas Cerca e Antonio Ríos co obxectivo de remodelar o enclave creando novos espazos públicos. A actuación vai na liña do Goberno de Inés Rey para fomentar o espazo público, actuando nunha zona carente de uso e esquecida durante décadas. A intervención, que conta cun investimento de 250.000 euros e seis meses de prazo de execución, ten como obxectivo a reurbanización das beirarrúas perimetrais do soar, acondicionando un espazo deteriorado e que precisa unha actuación urxente. As obras suporán a
transformación integral dunha superficie que, pola súa pendente e configuración urbanística do barrio, implicará melloras de accesibilidade.

Crearase unha pequena praza e áreas verdes na superficie localizada no barrio do Castrillón. A nova praza crearase no sector leste do soar e estará rodeada de áreas axardinadas e arboredo, con áreas de lecer para os veciños e veciñas do barrio. Tamén se construirá un percorrido de escaleiras entre as parcelas edificables e a nova praza para unha comunicación máis directa entre as rúas. Ademais, o plan de urbanización tamén inclúe a creación dun novo treito de beirarrúa arredor do soar que permitirá conectar os percorridos peonís xa existentes nas rúas Cerca e Antonio Ríos, co que se mellorará a accesibilidade actual.

Así mesmo, a actuación permitirá ampliar o espazo de estacionamento en liña existente. As obras de urbanización deste ámbito inclúen, ademais, o aproveitamento dun pequeno espazo público que hai no cruzamento entre Antonio Ríos e a Cerca, que permitirá crear un novo percorrido peonil entre a nova praza que se creará no soar e unha pequena área de lecer. Entre ambas as prazas habilitarase un novo paso peonil, que contribuirá a pacificar o tráfico no carril de circulación
que baixa desde a rúa Cerca en dirección a Antonio Ríos.

0.16944289207458