Rueda afirma na Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña que volverán a ser a opción maioritaria na provincia nas europeas
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, amosouse onte pola tarde convencido de que o partido repetirá nas próximas eleccións europeas os excelentes resultados acadados na Coruña nas autonómicas (onde case a metade dos coruñeses elixiron a papeleta dos populares) dada a importancia da pesca nesta provincia e a influencia das políticas comunitarias neste sector.
Fíxoo na Xunta Directiva Provincial do PP da Coruña celebrada onte á tarde e acompañado polo presidente do partido na provincia, Diego Calvo, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. Unha reunión na que tamén interviñeron os novos conselleiros do Goberno galego (María Martínez Allegue, Antonio Gómez Caamaño, José López Campos e María José Gómez), que se deron a coñecer entre o partido provincial e fixeron unha breve presentación das liñas mestras dos seus departamentos; así como tamén José González.
O líder dos populares galegos aproveitou a presenza dos representantes dos concellos das comarcas de Ferrol, Bergantiños, Costa da Morte, Muros, Noia e Barbanza para reafirmar o compromiso do seu partido na defensa do sector pesqueiro galego e os seus intereses en Europa; así como o rexeitamento a aquelas políticas que resulten prexudiciais para o mesmo como foi o veto á pesca de fondo.
Cuestións polas que velará o candidato Pablo Gómez Cedrón, natural da Coruña, coñecedor das necesidades e demandas da provincia e representante dunha mocidade chamada a decidir e construír futuro de Galicia e de Europa.