Rodrigo Cuevas leva ao Coliseum o seu único concerto en Galicia de 2026

ACoruñaXa
O artista asturiano presentará este xoves 30 de abril na Coruña a xira 'La Belleza' e o seu novo traballo, 'Manual de Belleza'
A CORUÑA rodrigo cuevas
28 Apr 2026

Rodrigo Cuevas regresará este xoves 30 de abril a Galicia cunha única parada no país dentro da súa nova xira. O artista asturiano actuará no Coliseum da Coruña, onde presentará 'Manual de Belleza', o seu novo traballo discográfico, nun concerto que comezará ás 22.00 horas, coa apertura de portas prevista para as 20.30 horas.

As últimas entradas para asistir á cita están á venda a través de Ataquilla.com e rodrigocuevas.sexy. O directo coruñés forma parte da xira 'La Belleza', estreada o pasado venres 24 de abril en Avilés, e será a única oportunidade de ver o artista en Galicia ao longo deste 2026.

Cantante, acordeonista, percusionista, DJ, compositor e performer, Rodrigo Cuevas converteuse nun dos nomes máis singulares da música estatal. Nado en Oviedo en 1985, mantén ademais unha forte relación con Galicia, onde viviu durante anos, aprendeu galego e se achegou á música e ao baile tradicional antes de desenvolver unha linguaxe artística propia.

A súa proposta combina tradición, electrónica, humor, sensualidade e crítica social. Sobre o escenario, Cuevas constrúe un universo que mestura o rural co cabaré e coa cultura popular contemporánea, nunha posta en escena que fai da música unha experiencia visual, sonora e performativa.

O novo disco, 'Manual de Belleza', pecha unha triloxía coa que o artista redefiniu a súa maneira de entender a música popular. Despois do recoñecemento acadado con 'Manual de Romería', elixido Mellor Disco Nacional por Rockdelux, Cuevas presenta agora un traballo centrado na beleza do cotián, no paso do tempo e na dignidade das identidades disidentes no rural.

No apartado musical, a nova proposta mantén a súa aposta por unir pandeiros, acordeóns e ritmos tradicionais con sonoridades electrónicas próximas ao ambient e ao techno. As gravacións de campo e os testemuños recollidos en aldeas forman parte dun universo sonoro no que a xota ou o xiringüelu dialogan coa cultura de club.

O concerto do Coliseum chega avalado pola traxectoria dun artista recoñecido co Premio Nacional das Músicas Actuais en 2023, o Premio Ollo Crítico de RNE, o Premio Arcoíris e o MIN ao Artista Revelación. Na Coruña, Rodrigo Cuevas promete converter a súa única cita galega do ano nun ritual escénico arredor da beleza, a raíz e a modernidade.

0.12189102172852