Retiran os restos do antigo paseo marítimo que afloraran na Praia Nova de Sada

ACoruñaXa
A actuación de Costas obrigará a cortes parciais no paseo de Sada durante os vindeiros días e inclúe medidas para protexer a zona intermareal
SADA retirada antigo paseo maritimo
3 Jun 2026

Os traballos para retirar os restos do antigo paseo marítimo visibles na marxe dereita da Praia Nova, xunto á desembocadura do río Maior, comezaron esta mañá en Sada. A actuación, demandada polo Concello, busca eliminar unhas estruturas pétreas que permanecían á vista e que xeraban un importante impacto visual nun dos puntos máis emblemáticos da fachada litoral sadense.

A intervención está a ser executada pola Demarcación de Costas e prolongarase durante os vindeiros días. Para facilitar o acceso da maquinaria en condicións de seguridade, será necesario realizar cortes parciais no paseo marítimo mentres duren os traballos.

Co obxectivo de minimizar o impacto ambiental da actuación, instalouse unha malla de contención na zona intermareal. Esta medida pretende evitar que o movemento de áridos e lodos provocado pola retirada dos restos poida estenderse ao resto do areal.

Os elementos que agora se van retirar corresponden á antiga balaustrada de pedra do paseo marítimo. Durante a construción do paseo actual, hai máis de dúas décadas, estes restos quedaron soterrados baixo a area neste tramo final da Praia Nova. Co paso dos anos, a acción do mar foi reducindo esa capa de area ata deixar de novo á vista parte das estruturas.

A retirada permitirá mellorar a imaxe da contorna e completar outras actuacións desenvolvidas durante a primavera no litoral sadense. Desde o Concello agradecen a comprensión da veciñanza polas molestias que poidan ocasionar os traballos e subliñan que a intervención contribuirá á mellora paisaxística e ambiental da zona.

0.11652803421021