Renovado de forma provisional o firme da avenida de Sada e Contornos

ACoruñaXa
O Concello actuou no tramo máis deteriorado da vía con traballos de fresado e aglomerado en quente, á espera dunha intervención integral
SADA pavimentos
24 Apr 2026

O Concello de Sada vén de executar estes días traballos de acondicionamento do firme na avenida de Sada e Contornos, unha actuación destinada a corrixir o deterioro da calzada e mellorar as condicións de seguridade para a circulación.

A intervención centrouse nos carrís de circulación do tramo que presentaba un peor estado. Para iso, realizouse o fresado do pavimento deteriorado e a posterior aplicación de aglomerado en quente, o que permitiu acadar unha mellora máis uniforme e eficaz da vía.

Nos vindeiros días está previsto completar os traballos co pintado da sinalización horizontal. Por este motivo, o Concello recomenda ás persoas condutoras extremar a precaución, respectar a sinalización provisional e atender as indicacións que poidan establecerse mentres se desenvolvan estas tarefas.

Desde o goberno local lembran tamén que, como acontece no conxunto do núcleo urbano de Sada, a velocidade máxima nesta vía está limitada a 30 quilómetros por hora. O Concello apela á responsabilidade das persoas condutoras para garantir unha circulación segura e respectuosa co resto de usuarios da estrada.

A actuación realizada ten carácter provisional mentres non poida executarse a reforma integral prevista para esta contorna. Ese proxecto incluirá a renovación completa do firme e das zonas de estacionamento, a elevación dos pasos de peóns e o repintado xeral da vía.

0.11732411384583