Rematan as obras para mellorar a seguridade no conxunto etnográfico do Batán de Mezonzo en Vilasantar

ACoruñaXa
O Concello investiu máis de 30.000 euros na rehabilitación do valado, do miradoiro e das cubertas dos muíños, impulsando así un dos principais atractivos turísticos da zona
Imaxe do conxunto etnográfico Batán de Mezonzo
12 Nov 2024

O Concello de Vilasantar completou a mellora da seguridade no conxunto etnográfico do Batán de Mezonzo grazas a unha subvención de máis de 30.000 euros outorgada pola Xunta de Galicia. O proxecto inclúe a substitución do valado de madeira, a renovación do miradoiro sobre a fervenza e o cambio das cubertas en dous dos muíños.

A intervención contou cun orzamento total de 30.065,49 euros, financiados pola liña de axudas para concellos de menos de 10.000 habitantes que buscan mellorar as infraestruturas turísticas. A actuación abarcou a construción dun novo miradoiro, de 1,20 metros de ancho e 1,80 de longo, realizado en madeira de piñeiro tratada, co obxectivo de asegurar a súa durabilidade. Esta estrutura, ancorada en formigón sobre unha rocha, conta cun perímetro de valado deseñado para impedir o acceso non autorizado.

Tamén se renovou o acceso ao miradoiro, substituíndo o antigo valado manual por un moderno sistema de estacas de madeira, ancoradas en zapatas de formigón. A nova estrutura, de 118 metros de lonxitude, mellora a seguridade e estética da contorna.

As cubertas dos dous muíños, de 6 metros de longo por 4 de ancho, foron substituídas por novas de madeira e tella, que inclúen unha capa de protección asfáltica para evitar filtracións e reducir o mantemento necesario. Todas as actuacións contan cun prazo de garantía de doce meses.

Dado que o proxecto se sitúa preto do río das Gándaras, foi preciso solicitar os permisos necesarios a Augas de Galicia. Ademais, a través dun convenio co propietario, o Concello asegura o uso público do batán e comprométese á súa conservación, o que contribúe á promoción da ruta dos muíños, un dos principais reclamos turísticos da zona.

0.19033885002136