Rematan as obras de renovación do firme na estrada entre Perbes e Campolongo para mellorar a seguridade viaria en Miño

A Deputación da Coruña vén de finalizar as obras de renovación da capa de rodadura da estrada DP-4802, que comunica Perbes con Campolongo, no municipio de Miño. A actuación foi executada dentro do plan de mantemento da rede viaria provincial despois da solicitude presentada polo Concello.
Os traballos consistiron na mellora do firme dun dos principais accesos do municipio, co obxectivo de ofrecer unhas mellores condicións de circulación e incrementar a seguridade viaria neste tramo da estrada.
Esta intervención forma parte das actuacións que a Deputación está a desenvolver en Miño para modernizar as infraestruturas viarias. Entre elas tamén destaca a mellora da seguridade viaria, o reforzo do firme e a construción de beirarrúas na parroquia de San Xoán de Vilanova.
Desde o goberno local agradeceron a colaboración da institución provincial, destacando que este tipo de investimentos permiten atender as necesidades da veciñanza e continuar avanzando na mellora da rede de estradas do municipio.