Remata ‘Culleredo, de cine’ coa entrega de diplomas ao alumnado participante

ACoruñaXa
As 5 creacións serán presentadas novamente na Cullerciencia 2024, que se celebrará mañá, 8 de xuño, na Chaira do Paseo Marítimo do Burgo
Imaxe de alumnas e alumnos do IES Rego de Trabe de Culleredo
Imaxe de alumnas e alumnos do IES Rego de Trabe de Culleredo
7 Xuño 2024

O Concello de Culleredo, a través da área de Xuventude, clausurou este venres a segunda edición de ‘Culleredo, de cinema’, cuxo obxectivo prioritario é o de consolidar a ferramenta da curtametraxe nos colexios, centrándose nos adolescentes e preadolescentes do século XXI. Son 5 as pezas que elaboraron, que serán presentadas mañá, 8 de xuño, na Cullerciencia 2024. Participaron tamén no programa alumnas e alumnos do IES Rego de Trabe.

Ao acto acudiron a primeira tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo; a directora do centro, Carmen Rodríguez Trelles; o director Hugh McGinley; Sara Gómez, guionista profesional, e Santiago Fernández, actor de escena e profesional da dobraxe.

Impartido en varias fases, con formación e tutela durante todo o proceso por parte do propio McGinley, pretendeuse detectar as debilidades e as fortalezas da nosa realidade á hora de definir o marco e os perfís; o desenvolvemento de historias sólidas, interesantes e facilmente convertibles á nova linguaxe audiovisual para evitar posteriores problemas en produción e post produción. Tamén se formou aos e as mozas en aspectos técnicos, como os tipos de planos cinematográficos e os tipos de movemento de cámaras, deseño de storyboard e anotacións técnicas ao guión, o que se coñece como ‘plan de rodaxe’.

Neste sentido, Cristina Pardo, concelleira de Educación, quixo agradecer “a todas as alumnas e alumnos a súa implicación en ‘Culleredo, de cinema’; a Hugh polas leccións impartidas e ao profesorado implicado no mesmo que acompañasen ás mozas e mozos nunha viaxe marabillosa e inmersiva para coñecer máis de preto a sétima arte”.

0.17211985588074