Remata a urbanización dun soar entre as rúas Antonio Rías e Cerca

ACoruñaXa
As actuacións previstas polo Goberno de Inés Rey no Castrillón avanzan agora coas melloras de accesibilidade previstas entre Fariña Ferreño e José María Hernansáez
soar-antonio-rias-e-cerca
5 Jul 2026

Esta semana, o Concello culminou unha nova actuación do Plan de Barrios no Castrillón, onde xa remataron as obras de urbanización dun antigo soar sen acondicionar entre as rúas Antonio Ríos e Cerca, transformado nunha pequena praza con novo mobiliario urbano e arboredo.

A creación desta área de lecer supón un xiro de 180 graos con respecto á imaxe previa da parcela, carente de uso público ata agora e que, pola súa situación anterior -sen acondicionar e chea de maleza- impedía crear novos espazos de convivencia para a veciñanza e, ademais, conectar os percorridos peonís da contorna.

A alcaldesa, Inés Rey, apuntou que este enclave era un ámbito pendente de desenvolvemento desde o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do ano 1998. Por iso, subliñou a importancia desta acción, que dá resposta a unha demanda das veciñas e veciños desta parte do barrio desde hai case tres décadas.

"Imos, paso a paso, avanzando na resolución das necesidades existentes nun distrito onde as melloras de accesibilidade son vitais para as persoas residentes", indicou a rexedora, que fixo fincapé nas características especiais do Castrillón, pola orografía do terreo e as fortes pendentes existentes; tamén polo seu perfil poboacional, un dos máis lonxevos no conxunto da cidade.

A urbanización deste soar aparellou, ademais, a creación de novas áreas verdes e a construción dun novo treito de beirarrúa entre Antonio Ríos e a Cerca -anteriormente inexistente- que conecta estas rúas cun percorrido ata agora interrumpido por este soar.

As actuacións de mellora previstas polo Concello no Castrillón avanzan agora cara o cruzamento entre as rúas Fariña Ferreño e José María Hernansáez, onde esta semana comezaron os traballos para adecuar o acceso a un paso peonil moi transitado polo alumnado do IES Monte das Moas.

Agora, aproveitando o descanso da actividade lectiva pola tempada estival, comezan as obras para adecuar as beirarrúas e o cruzamento, renovando os pavimentos da beirarrúa e tamén a sinalización, co obxectivo de mellorar a accesibilidade xeral e reforzar a seguridade viaria, con vistas tamén ao inicio do próximo curso.

0.12890386581421