Remata a nova ponte de Carral que mellora a conexión con Meirama

A Deputación da Coruña deu por rematadas as obras de mellora da seguridade viaria na DP-2104, a estrada que une Carral con Meirama. A intervención supuxo un investimento de 425.086 euros e incluíu a construción dunha nova ponte sobre o rego do Castro, ademais dunha variante de trazado de 300 metros.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, supervisou este luns o resultado dos traballos xunto á deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e ao alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño. A actuación desenvolveuse entre os puntos quilométricos 2+750 e 2+900, nun tramo que ata agora presentaba unha configuración especialmente complicada para a circulación.
A antiga estrada tiña curvas enlazadas de radio moi reducido e unha plataforma de apenas 4 metros de ancho, o que dificultaba o paso de vehículos pesados e autobuses. Nalgúns casos, os condutores víanse obrigados a realizar manobras na propia calzada para poder cruzarse con seguridade.
Co novo trazado, a plataforma pasa a contar con 9 metros de ancho, distribuídos en dous carrís de 3,5 metros e beiravías dun metro a cada lado. A variante tamén permite suavizar as curvas, ao pasar dun radio mínimo de 20 metros no punto máis complexo a radios de 50 metros.
Formoso destacou que esta obra responde a unha necesidade real da veciñanza e supón un avance na modernización da rede provincial de estradas. 'Calquera que pase por aquí pode comprobar que a circulación é hoxe moito máis segura', afirmou o presidente, que pediu desculpas polo atraso dos traballos e lembrou que o investimento total supera os 500.000 euros se se inclúen execución e expropiacións.
O presidente provincial puxo especial énfase na mellora que supón para o transporte escolar e para os usuarios habituais da vía. Tamén anunciou que o Concello de Carral iniciará proximamente contactos coa veciñanza para estudar a creación de beirarrúas ao paso desta estrada polos diferentes núcleos de poboación.
A deputada Mónica Rodríguez explicou que a intervención permitiu corrixir un tramo sinuoso, ampliar a calzada e construír unha estrutura adaptada ás necesidades actuais de tráfico. Pola súa banda, o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, agradeceu a implicación da Deputación e destacou que a estrada dá servizo a arredor de 800 veciños das parroquias de Sumio e Quembre.
Os traballos incluíron tamén melloras na drenaxe, sinalización, balizamento, instalación de defensas, retranqueo de postes de alumeado e renovación dunha condución de abastecemento. A nova ponte executouse cun pórtico de formigón armado de 18 metros de lonxitude, 4,50 metros de ancho e 4,65 metros de altura libre interior.