Récord de candidaturas nos Premios PEL antes da entrega na Cidade das TIC

A oitava edición dos Premios PEL da Deputación da Coruña bate este ano récord de participación con 145 candidaturas presentadas. Os galardóns, impulsados no marco do Plan de Emprego Local, recoñecen iniciativas empresariais da provincia pola súa capacidade para xerar actividade, emprego e novas oportunidades no territorio.
O xurado reuniuse este xoves na sede provincial para avaliar as propostas concorrentes e poñer en común as puntuacións outorgadas en cada categoría. As empresas e proxectos gañadores daranse a coñecer o venres 19 de xuño nun acto que se celebrará no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC da Coruña.
Do total de candidaturas, 132 foron presentadas por empresas e persoas autónomas nas categorías principais: mellor iniciativa emprendedora, mellor traxectoria empresarial, mellor iniciativa de territorio sostible e mellor iniciativa empresarial singular. A elas súmanse outras 13 propostas formuladas polo xurado para a categoría honorífica de mellor iniciativa transformadora do rural.
A valoración das candidaturas ten en conta aspectos como a idea de negocio, o impacto no territorio, a visibilidade da iniciativa, a innovación, a responsabilidade social empresarial e a capacidade de transformación económica e social dos proxectos participantes.
Os Premios PEL repartirán nesta edición 80.000 euros entre as iniciativas recoñecidas, unha dotación coa que a Deputación busca apoiar o emprendemento, a innovación e o desenvolvemento económico local nos concellos da provincia.
A entrega de premios contará coa participación do presidente da Deputación, Valentín González Formoso; da deputada da área de Emprego, Rosa Ana García; dos membros do xurado; e de representantes do tecido empresarial e social da provincia.
O xurado estivo presidido polo presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla Ramil, e contou con representantes do ámbito universitario, das cámaras de comercio, da Deputación e do sector empresarial. Durante a avaliación destacouse o nivel das propostas presentadas e a súa contribución ao dinamismo económico do territorio.
Por concellos, A Coruña concentra o maior número de candidaturas, con 55, seguida de Santiago de Compostela, con 22, e Oleiros, con 7. O acto do 19 de xuño funcionará tamén como punto de encontro entre empresas, persoas emprendedoras, entidades e representantes institucionais vinculados ao desenvolvemento económico da provincia.