Recoñecidos máis de trinta estudantes coruñeses polo seu compromiso coa seguridade viaria

A Coruña celebrou onte a entrega de premios da última edición do programa educativo ‘Ahora vamos andando al cole’, unha iniciativa da asociación STOP Accidentes en colaboración co Concello da Coruña. O acto tivo lugar no Palacio Municipal de María Pita e contou coa participación de máis de cen asistentes, entre eles os 34 finalistas do concurso escolar e as súas familias.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou a importancia desta actividade, que “une comunidade educativa, familias e institucións nunha aposta común por garantir a seguridade das crianzas nas rúas da nosa cidade”. O programa implicou unha ducia de centros escolares da Coruña, promovendo o respecto polas normas viarias e a mellora da mobilidade a través de cartas e debuxos elaborados polo alumnado.
Os gañadores pertencen aos seguintes centros: CEIP Plurilingüe de Prácticas, CEIP Plurilingüe Concepción Arenal, CEIP Sal Lence, CEIP Plurilingüe Alborada, CEIP Juan Fernández Latorre, CEIP Plurilingüe Manuel Murguía, Colexio Santo Domingo - FESD, CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma, Colexio Fogar de Santa Margarida, CEIP Sagrada Familia, CEIP Plurilingüe María Barbeito e Cerviño e CEIP Plurilingüe José Cornide Saavedra.
No acto, foron expostos os traballos dos 16 gañadores, quen amosaron a súa creatividade e compromiso coa transformación dunha mobilidade urbana máis segura. Entre os galardoados están Antía Blanco Pérez (CEIP de Prácticas) e Nicolás Ares Fuentes (CEIP Alborada), con obras que transmiten mensaxes de sensibilización sobre pequenos cambios que marcan grandes diferenzas.
A entrega de premios contou coa presenza de representantes municipais, como a concelleira de Mobilidade, Noemí Díaz, e a delegada de STOP Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, reforzando o valor educativo e social deste programa.