Reclaman unha auditoría independiente tras difundirse imaxes de maltrato nunha granxa de visones de Abegondo

ACoruñaXa
A Fundación Franz Weber critica a resposta da Xunta e pide inspeccións sorpresivas nas granxas de visón que continúan activas en Galicia
ABEGONDO gato granja visones
Imaxe da asociacion ARDE
27 May 2026

A Fundación Franz Weber reclamou unha auditoría independente e sen aviso previo nas granxas peleteiras que aínda permanecen en funcionamento en Galicia tras a difusión dunha investigación sobre unha instalación de visóns situada en Abegondo. A entidade cualifica as imaxes de 'vomitivas' e sostén que evidencian graves deficiencias en materia de benestar animal, bioseguridade e trato aos animais.

Segundo a organización, o material divulgado pola Fundación A.R.D.E. foi recollido entre 2025 e este ano e amosa escenas nas que se verían empregados golpeando visóns, instalacións con sucidade, acceso de aves silvestres e gatos ás naves e animais mutilados. A Fundación Franz Weber considera que estes feitos volven poñer o foco sobre a crueldade da industria peleteira e sobre os posibles riscos ambientais e de saúde pública asociados a este tipo de explotacións.

A ONG tamén cuestiona a resposta institucional tras a publicación das imaxes. A Xunta anunciou inspeccións inmediatas nas instalacións, pero os naturalistas critican que, segundo a investigación, a situación se tería prolongado durante meses sen que trascendese unha sanción ou actuación administrativa previa. Por iso preguntan onde estaban os mecanismos oficiais de vixilancia durante ese tempo.

A Fundación Franz Weber reta agora ao Goberno galego a aceptar unha auditoría independente, sorpresiva e extensiva ao conxunto das granxas peleteiras que seguen abertas na comunidade. A entidade lembra que Galicia concentra aínda arredor dunha vintena de explotacións deste tipo e sostén que as investigacións realizadas nos últimos anos revelan carencias recorrentes no sistema de control.

O colectivo tamén vincula o caso co debate europeo sobre o futuro da cría de visón americano. Segundo sinala, representantes do sector peleteiro mantiveron o pasado verán unha reunión co Goberno galego para reclamar excepcións ante a aplicación do Regulamento de Execución da Unión Europea que prevé restricións á cría desta especie a partir do 7 de agosto de 2027.

O coordinador de campañas da Fundación Franz Weber, Rubén Pérez, censura que a Xunta anuncie agora inspeccións nunha granxa que, segundo a ONG, levaba meses sendo documentada. Tamén cuestiona o apoio institucional a unha actividade que, ao seu xuízo, perdeu encaixe social nun momento no que grandes empresas téxtiles internacionais renuncian ao uso de peles.

A organización insiste en que o caso de Abegondo debe servir para abrir unha revisión de fondo sobre o sector en Galicia. Reclama transparencia, controis independentes e unha resposta que non se limite a inspeccións puntuais tras a publicación de imaxes, senón que permita avaliar de maneira real o estado das explotacións e o cumprimento da normativa.

0.1281259059906