Reclaman no Congreso a renovación da N-VI ao seu paso por Cortiñán

O BNG reclamou ao Goberno do Estado que desbloquee o proxecto de renovación da estrada N-VI ao seu paso por Cortiñán, en Bergondo, unha intervención que a formación considera urxente polo volume de tráfico que soporta a vía e polos problemas de seguridade que afectan a peóns e condutores.
O deputado nacionalista Néstor Rego rexistrou unha iniciativa no Congreso para pedir explicacións sobre a situación dun proxecto anunciado antes das eleccións municipais de 2023 e que, segundo denuncia o BNG, continúa sen avances coñecidos tres anos despois.
Rego advertiu de que a seguridade viaria debe ser unha prioridade nunha zona densamente poboada e sinalou que a actuación 'non pode agardar máis'. O deputado pediu o desbloqueo inmediato dunha mellora que considera esencial para garantir a seguridade da veciñanza.
O portavoz municipal do BNG en Bergondo, David Carro, criticou que a aprobación provisional do proxecto se anunciase no seu momento 'a bombo e prato' e que desde entón non se teñan producido novidades. Segundo indicou, a veciñanza vese obrigada a afrontar a diario situacións de risco para poder cruzar a estrada.
A formación nacionalista sinala como principais deficiencias o elevado tránsito diario, o deseño mellorable da sinalización viaria, a falta de beirarrúas ou sendas peonís nalgúns tramos e o deterioro das existentes. Para Rego, tres anos deberían ser tempo suficiente para resolver as alegacións e reactivar unha actuación que considera necesaria e amplamente demandada.