Reclaman en Cambre unha revisión xeral dos espellos de tráfico por falta de visibilidade

Alternativa dos Veciños solicitou ao goberno municipal de Cambre unha revisión xeral dos espellos de tráfico instalados no municipio. A petición chega despois de recibir varias queixas da veciñanza sobre o deterioro dalgúns destes elementos ou a falta de visibilidade en determinados puntos.
A formación sinala que a situación afecta especialmente a cruces e zonas nas que a visibilidade xa é reducida, polo que considera necesario actuar para reforzar a seguridade viaria. Segundo explica, algúns espellos presentan problemas que dificultan a súa función e poden incrementar o risco para condutores e peóns.
O grupo trasladou ao Concello diferentes localizacións indicadas pola veciñanza, pero pide que non se limite a intervención a casos concretos. Alternativa reclama unha revisión global para comprobar o estado dos espellos de tráfico e detectar posibles necesidades de limpeza, reparación, substitución ou recolocación.
A formación defende que este tipo de actuacións, aínda que sinxelas, teñen un impacto directo no día a día da veciñanza e contribúen a mellorar a seguridade nos desprazamentos. Con esta proposta, Alternativa insiste na necesidade de atender as demandas veciñais e actuar nos pequenos problemas de mantemento que afectan á mobilidade local.