Reclaman ao Banco Santander que rectifique a redución de atención presencial na oficina de Teixeiro

ACoruñaXa
O grupo popular levou ao pleno unha moción en defensa da inclusión financeira no rural e pide manter un servizo ‘digno e suficiente’ para veciñanza e tecido económico
CURTIS sucursal santander
5 Feb 2026

O grupo municipal do PP en Curtis presentou unha moción no pleno para rexeitar o recorte de servizos financeiros do Banco Santander na oficina de Teixeiro e reclamar que se manteña unha atención presencial acorde ás necesidades da poboación. No texto, asinado polo seu portavoz, Iván Maques García, a formación advirte de que a redución do horario de atención ao público supón un prexuízo para a veciñanza e tamén para a comarca á que dá servizo a oficina.

A iniciativa enmarca a decisión do banco nun ‘desmantelamento progresivo’ de servizos básicos no medio rural e alerta de que este tipo de medidas agravan a exclusión financeira. Entre os argumentos, o PP sinala a fenda dixital e xeracional (cunha poboación en boa medida envellecida que precisa atención persoal para xestionar operacións cotiás), a dependencia do comercio de proximidade, das explotacións agrarias e das pequenas empresas dunha operatividade diaria, e a contradición entre os discursos de ‘responsabilidade social’ e as políticas de recorte.

A moción propón varios acordos: expresar o rexeitamento á redución do horario, esixir á Dirección Territorial do Santander que rectifique e manteña atención presencial ‘digna, suficiente e acorde’ á realidade do rural, e instar á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a reforzar a normativa para combater a exclusión financeira nos concellos rurais. Ademais, o Concello daría traslado do acordo ao banco e a asociacións veciñais e comerciais, así como aos grupos parlamentarios, e autorizaría á Alcaldía a realizar xestións ante as administracións competentes en defensa dos servizos financeiros básicos.

⚙ Configurar cookies
0.07740306854248