Realizan labores de conservación nun tramo do río Mero en Cambre
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Augas de Galicia, puxo en marcha labores de mantemento e conservación nun tramo de preto de 10 quilómetros do río Mero ao seu paso polo concello de Cambre. Estas actuacións desenvolveranse en varias parroquias e foron previamente comunicadas ao Concello.
Os traballos, centrados na retirada de árbores caídas e biomasa, teñen como obxectivo evitar atoamentos no leito do río e mellorar o fluxo natural das súas augas. Durante aproximadamente dúas semanas, o persoal utilizará ferramentas manuais, motoserras e rozadoiras, así como maquinaria de maior tamaño, como un tractor e un camión, para completar a intervención.
Estas accións forman parte do programa de mantemento do dominio público hidráulico nas bacías de Galicia-Costa. A iniciativa busca optimizar as condicións naturais dos ríos, actuando nas zonas baixo competencia autonómica e excluíndo as áreas urbanas fluviais, que corresponden aos concellos.