Reabren modernizadas as áreas infantís do parque Carlos Casares e do barrio de Monelos

ACoruñaXa
A substitución de firmes e a instalación de novos elementos reforzan a seguridade e atractivo destas zonas. O plan de actuacións continuará, previsiblemente, no núcleo da Silva
Parque Carlos Casares A Coruña
18 Nov 2024

O Concello da Coruña vén de certificar a reapertura das áreas infantís do parque Carlos Casares e do barrio de Monelos, tras completar o plan de melloras previsto nestes espazos. As intervencións incluíron a substitución de firmes e a incorporación de novas estruturas de xogo adaptadas ás necesidades da veciñanza máis nova.

No parque Carlos Casares, situado en Monte Alto, preto da Torre de Hércules, renovouse por completo o firme de caucho e instalouse unha torre dobre con tobogáns, con capacidade para 20 nenas e nenos de entre 2 e 8 anos. A súa localización, próxima á fachada marítima, fai necesaria unha maior frecuencia no mantemento, segundo indicou o Concello.

No caso do parque de Monelos, que se atopa á beira do centro cívico, o Concello substituíu o firme de céspede artificial por un de caucho, máis resistente e acorde aos estándares de seguridade. Estas actuacións buscan mellorar a experiencia dos usuarios e garantir a durabilidade das instalacións fronte á erosión e as condicións meteorolóxicas.

A concelleira Noemí Díaz anunciou que as intervencións continuarán proximamente no núcleo da Silva, como parte dun plan global de melloras nas áreas infantís da cidade.

 

0.16271686553955