Raposa, Sofía Espiñeira e Abril competirán pola vitoria no Concurso Fran Pérez Narf 2026

O Concurso Fran Pérez Narf, promovido pola Deputación da Coruña para apoiar e dar visibilidade á creación musical galega, xa ten finalistas para a súa edición de 2026. O xurado seleccionou as propostas de Raposa, Sofía Espiñeira e Abril como as tres candidaturas que optarán ao galardón nunha gala final que se celebrará o vindeiro 24 de outubro no Salón Teatro de Santiago de Compostela.
O órgano encargado da elección estivo presidido pola deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e contou coa participación das músicas Mercedes Peón e Ramón Bermejo, director do Coro da Ra e especialista vocal, así como dos xornalistas Javier Becerra e Ana G. Liste e da programadora cultural Noemí Vázquez, responsable da Arca da Noe. A secretaria do xurado foi Manuela Muñiz Souto, xefa de sección de Cultura e Deporte da institución provincial.
O certame naceu coa finalidade de impulsar a carreira de grupos e artistas das diferentes comarcas galegas ao tempo que rende homenaxe á figura e á obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf”. Ao longo das súas edicións, o concurso contribuíu á proxección de formacións e artistas que posteriormente consolidaron a súa traxectoria na escena musical galega, entre eles Belem Tajes, Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno.
Entre as propostas finalistas figura Raposa, o proxecto musical dos pontevedreses María Villanueva e Rubén Abad. A banda combina influencias que van desde a música clásica e o jazz ata as músicas do mundo, a canción de autor e o pop. O xurado destacou a calidade da súa proposta artística, subliñando a riqueza dos arranxos e a delicadeza interpretativa da voz principal.
Tamén foi seleccionada Sofía Espiñeira, artista multidisciplinar de Mugardos que desenvolve a súa actividade como cantante, actriz, acróbata e bailarina. O seu segundo traballo discográfico, Xeografías, explora temas como as raíces, as fronteiras, os desprazamentos e os soños colectivos. O xurado valorou especialmente a súa personalidade creativa, a solidez do seu discurso artístico e o coidado dos arranxos musicais.
Completa a lista de finalistas Abril, dúo integrado por Claudia Abril e Marina Carpente. O proxecto aposta por unha reinterpretación contemporánea das melodías tradicionais galegas e ibéricas, incorporando instrumentos como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk. A formación destaca pola súa capacidade para combinar tradición e modernidade, cun repertorio que reivindica o patrimonio musical galego desde unha óptica actual e renovada.
A banda ou artista gañadora darase a coñecer durante a gala final de outubro, nunha cita que volverá converter o Salón Teatro compostelán nun escaparate da creación musical galega emerxente e consolidará unha vez máis o legado artístico de Fran Pérez Narf.