Rafael Amor volve soar na Coruña cun recital dedicado ás mulleres da súa obra

A poesía e as cancións de Rafael Amor protagonizarán este venres, 27 de novembro, un encontro no Ateneo Aurora da Coruña. Baixo o título 'Nosotras en la obra de Rafael Amor', Miriam Sandoval e Pili Campos ofrecerán unha proposta poético-musical centrada nas mulleres que aparecen na obra do cantautor e poeta arxentino. A cita comezará ás 20:15 horas.
Rafael Amor foi unha das voces vinculadas á canción de autor e á poesía comprometida. Ao longo da súa traxectoria escribiu sobre o amor, a liberdade, a alegría e as inxustizas sociais. Algunhas das súas composicións, como 'No me llames extranjero', manteñen a súa vixencia décadas despois de seren escritas. Tamén deixou cancións como 'Corazón libre', que popularizou Mercedes Sosa.
O proxecto de Sandoval e Campos nace coa intención de percorrer e compartir diferentes temáticas da súa obra. Esta primeira proposta pon o foco nas mulleres que aparecen nas súas cancións e poemas: nais, fillas, avoas, traballadoras e protagonistas de historias de amor, loita, sufrimento e rebeldía.
No espectáculo, Miriam Sandoval poñerá voz e guitarra ás composicións, mentres que Pili Campos, compañeira de vida do poeta, se encargará do recitado e da palabra. A proposta busca achegar o público ás historias e emocións que atravesan a obra de Rafael Amor, nun formato que combina música e poesía. O encontro terá lugar este venres ás 20:15 horas no Ateneo Aurora da Coruña.