Queremos Galego convoca un plenario comarcal en Betanzos para impulsar a defensa da lingua
O local da asociación cultural Zona Hadal, situado na rúa Travesa de Betanzos, acollerá o vindeiro mércores 22 de xaneiro ás 20:00 un plenario comarcal de Queremos Galego. Durante o encontro, a plataforma de entidades en defensa da nosa lingua perfilará os detalles da gran manifestación nacional que se celebrará o 23 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía, entre a Alameda de Santiago e a Praza do Obradoiro.
A convocatoria está aberta a todas as entidades e persoas interesadas en participar para avaliar a situación actual do galego e definir accións concretas que permitan reverter a emerxencia lingüística. A plataforma parte da proposta de puntos mínimos e medidas urxentes presentada en novembro, co obxectivo de garantir a presenza do galego en todos os espazos onde está excluído.
O coordinador do encontro, Miguel Carnota, sinala que “os datos do Instituto Galego de Estatística evidencian o estado crítico da nosa lingua, pero a historia demostra que a mobilización social sempre foi clave para frear a perda de falantes”. Carnota critica a actitude da Xunta, que considera insuficiente a presenza do galego nos medios e na administración, e alerta sobre medidas que favorecen o seu abandono en sectores clave como a educación ou a xustiza.
“Con implicación social, é posíbel reverter esta situación”, conclúe Carnota, convidando a todas as entidades e persoas interesadas a sumarse ao plenario e dar un novo pulo á lingua galega.