Queixas entre as asociacións veciñais da Coruña polos cambios na organización das festas dos barrios

ACoruñaXa
Denuncian que co novo modelo o Concello deixa de participar na organización das festas, delegando toda a carga de traballo e a responsabilidade en entidades sen ánimo de lucro
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
24 Jan 2025

O Concello da Coruña anunciou a finais do mes pasado a súa intención de cambiar o modelo de organización das Festas de Barrio, deixando así de ser organizadas polo Concello en colaboración coas entidades veciñais, que presentaban propostas que logo eran pulidas entre as dúas partes, como leva sendo dende hai moitos anos. Unha decisión que xerou moitas dúbidas entre a maioría de asociación veciñais da Coruña.

No novo modelo o Concello saca a concurso unhas subvencións ás que as entidades veciñais deben optar para financiaras festas, pasando estas as únicas responsables da organización completa das festas de cada barrio. O Concello seguirá organizando unilateralmente as Festas de María Pita, o que segundo moitas entidades é un agravio comparativo, xa que hai barrios nos que non hai apenas actividades.

“Hai unhas semanas o Concello comunicou a imposición da nova fórmula, obrigando ás asociacións veciñais a elixir entre non facer as festas de barrio, ou facelas pola vía da subvención, obrigados a responsabilizarse de tódolos detalles, tanto administrativos, como contratar e pagar ás orquestras, grupos, mesas de son, alumeado, inchables, transporte de materiais, etc., e facéndose cargo tamén das cargas que isto supón con Facenda”, explican.

Varias entidades manifestaron a súa negativa a facerse cargo do que consideran responsabilidade do Concello, e ven a imposición do novo sistema como un abandono de responsabilidades por parte do goberno local, ao derivalas en entidades sen ánimo de lucro, “formadas por persoas que doan ós seus barrios o seu tempo e os seus esforzos tratando de conseguir as mellores condicións para a veciñanza”, sinalan.

Destacan tamén o risco de que parte do orzamento público para a celebración das Festas de Barrio, por culpa desta imposición, acabarán en mans de empresas promotoras de festas que cobrarán unha porcentaxe dese orzamento por facer un traballo que ata agora facía o IMCE, xa que non tódalas asociacións teñen a capacidade ou o tempo de facerse cargo disto. Cartos que deixarán de destinarse ás festas.

Estas entidades decidiron reunirse e iniciar un diálogo co Concello para que se acepte a súa solicitude de que se lles permita xestionar as festas como se fixo ata o de agora (sen que isto impida que as entidades que desexen adherirse ósistema de subvención) para tratar de poder manter as festas nos seus respectivos barrios.

0.1611921787262