Pura Ferreño será a candidata do BNG á alcaldía de Coirós nas eleccións municipais de 2027

GaliciaXa | ACoruñaXa
A actual portavoz municipal foi escollida por unanimidade pola Asemblea Local e encabezará un proxecto co que a formación nacionalista aspira a gobernar o Concello
paula-ferreño-candidatura-bng-coiros-municipais-2027
15 Aug 2026

A Asemblea Local do BNG de Coirós acordou por unanimidade que Pura Ferreño Saia sexa a candidata da formación á alcaldía nas eleccións municipais de maio de 2027. A actual portavoz municipal, veciña de Coirós de Abaixo e enxeñeira agrónoma, liderará o proxecto co que o BNG pretende abrir unha nova etapa política no municipio e modificar o modelo de xestión do actual Goberno do Partido Popular.

Ferreño asegura que a formación afronta a próxima cita electoral “con ilusión, coa vontade de gobernar e coa convicción de que Coirós merece máis”. A candidata considera que o BNG debe representar unha alternativa a un Goberno que, ao seu xuízo, leva demasiado tempo cunha forma de facer política marcada polo “clientelismo, na rutina e na falta de proxecto”.

A candidatura parte do traballo desenvolvido polo BNG durante os últimos anos a través de propostas e iniciativas relacionadas coa mellora dos servizos públicos e das condicións de vida da veciñanza. Entre as cuestións que a formación sitúa como prioritarias están garantir e mellorar o abastecemento de auga, incrementar a seguridade viaria no cruce de Queirís e noutros puntos do municipio, así como mellorar a recollida e o tratamento dos residuos.

O proxecto nacionalista tamén contempla a creación dun punto limpo supramunicipal e a posta en marcha dun servizo de transporte público que responda ás necesidades da poboación.

“Levamos anos traballando, facendo propostas, fiscalizando a acción do Goberno e estando ao lado das veciñas e veciños. Ese traballo é o aval co que nos presentamos e a base sobre a que queremos construír o futuro de Coirós”, sinala Ferreño.

Pura Ferreño estará acompañada na candidatura por Pablo Bugia López, Carmen Tomé Darriba, Alberto Barreiro “Warren”, Marisa Marcote e Sandra García Mourelo, ademais doutras persoas que se incorporarán posteriormente ao proxecto.

O BNG xa puxo en marcha un proceso de contacto con persoas, colectivos e entidades do municipio para coñecer directamente as necesidades existentes e recoller propostas que poidan incorporarse ao programa de goberno para 2027.

A candidata defende unha maneira de entender a política baseada na participación e no traballo colectivo. “No BNG entendemos a política como un traballo comunitario, participativo e dinámico. Queremos escoitar, debater, analizar alternativas e incorporar as achegas da veciñanza para construír entre todas e todos o Coirós que queremos”, explica.

Ferreño anima tamén a poboación de Coirós a implicarse neste proceso. “Invitamos a toda a veciñanza a achegarse, a participar e a sumar. Temos ilusión, temos equipo e temos un proxecto para gobernar Coirós”, afirma.

Deste xeito, o BNG prepara as eleccións municipais de 2027 coa intención de transformar o traballo realizado durante os últimos anos nunha alternativa de goberno para Coirós, baseada, segundo a formación, nunha xestión máis transparente e participativa e centrada nas necesidades da veciñanza.

0.12758278846741