Publicada a convocatoria de axudas de pesca artesanal

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará este luns, 8 de xuño, a convocatoria de axudas da Consellería do Mar para mellorar a xestión da pesca artesanal, cuxo prazo de solicitude abrirase ao día seguinte e permanecerá aberto durante un mes.
A convocatoria conta cun orzamento de 5,1 millóns de euros para o período 2026-2027 e está cofinanciada nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva.
Poderán optar a estas subvencións as entidades coxestoras dos plans de xestión dos recursos mariños, as organizacións de produtores de base do sector pesqueiro, as corporacións de dereito público de base asociativa e outras entidades representativas do sector de ámbito autonómico.
As actuacións subvencionables inclúen medidas técnicas de xestión e vixilancia, accións administrativas e de colaboración co sector, así como iniciativas de seguimento do estado dos recursos mariños —tanto especies comerciais como accesorias— e sistemas de recollida de información que contribúan a mellorar o coñecemento e a sustentabilidade das pesqueiras.
Entre os traballos de asistencia técnica destacan a elaboración, seguimento e optimización dos plans de coxestión dos recursos mariños vivos; a formación dos profesionais do mar para adquirir novas competencias relacionadas coa conservación dos ecosistemas; o impulso da sensibilización ambiental coa participación directa do sector; a colaboración na vixilancia epidemiolóxica mediante o envío de mostras ao Intecmar para analizar o estado sanitario das augas e das especies marisqueiras; e o apoio aos técnicos da Consellería do Mar en tarefas vinculadas á xestión, restauración dos ecosistemas e mellora da produtividade dos bancos marisqueiros.
No ámbito da vixilancia, as axudas tamén cubrirán actuacións orientadas á protección do medio mariño e das súas especies. Estes traballos incluirán o control das condicións de acceso ás zonas de pesca e deberán ser coordinadas co Servizo de Gardacostas.