PSdeG-PSOE aposta por reducir a burocracia nos trámites administrativos en materia de dependencia
A candidata número 1 da lista do PSdeG-PSOE ás eleccións autonómicas do 18 de febreiro na provincia da Coruña, Patricia Iglesias, mantivo este mércores unha reunión coa Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, xunto ao número 2 Julio Abalde e outros membros da candidatura.
A candidata socialista destacou que esta federación realiza “un labor incrible, prestando apoio integral e individualizado a todas as persoas usuarias, dende o psicolóxico ata o apoio xurídico ou o social”. “Entendemos que a Xunta debe estar moito máis implicada no apoio deste tipo de iniciativas”, sinalou.
Iglesias explicou que o candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, aposta porque os trámites administrativos da Xunta de Galicia en materia de dependencia sexan únicos, sen que sexa necesario ir a innumerables departamentos para facer un trámite, reducindo a burocracia. “En definitiva, que estas asociacións, que xa están a facer un labor crucial, non teñan que facer ademais o traballo que lle corresponde á Xunta de Galicia”, engadiu.
Por outra banda, Julio Abalde recalcou a necesidade dun impulso importante a todos os temas de xestión burocrática da dependencia, xa que as persoas que sofren estas enfermidades raras e crónicas non poden estar pendentes de múltiples reevaluacións para poder acceder a unha axuda.
“É necesario que a Xunta dea os servizos que ten que dar e colabora con estas asociacións sen deixar que acaben facendo elas o traballo que lle corresponde á administración”, defendeu o socialista. Tamén afirmaron que dende o Goberno de José Ramón Gómez Besteiro na Xunta traballarán arreo para que sexan as propias administración as que se encarguen de coordinar e repartir as funcións entre os diferentes departamentos das administracións e as asociacións, sen que sexan estas últimas as que teñan que tutorizar ás persoas afectadas.