Protestas en Miño pola axuda no fogar por queixas sobre o servizo e as condicións laborais

ACoruñaXa
O sindicato asegura que a concesionaria Os Ventos acumula incumprimentos laborais e recortes de horas de atención a persoas usuarias
MIÑO protestas saf
20 Jan 2026

A CIG reclamou este luns unha actuación inmediata do Concello de Miño ante o que cualifica como incumprimentos ‘graves e reiterados’ no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un recurso municipal esencial para a atención a domicilio de persoas maiores ou en situación de dependencia. Segundo a representación sindical, a empresa concesionaria Os Ventos levaría arredor de dous meses sen axustarse aos pregos e á normativa laboral, o que estaría a ter impacto tanto no persoal como nas persoas usuarias.

Entre as incidencias denunciadas, a central menciona problemas de organización e coordinación, supostos erros no abono de nóminas e incumprimentos en materia de descansos, ademais de alertar da realización de servizos con persoal sen a acreditación profesional requirida e de recortes nas horas de atención asignadas, o que, segundo a CIG, derivaría nunha cobertura insuficiente.

O sindicato insta ao Concello a reforzar o control do contrato e a adoptar as medidas que correspondan para que o SAF se preste ‘con garantías’, tanto no respecto aos dereitos laborais como na calidade da atención.

Pola súa banda, o goberno local xa se pronunciara en decembro sobre a situación do SAF tras o cambio de adxudicataria, afirmando que estaba ‘moi preocupado’ polas deficiencias detectadas e anunciando a posta en marcha de actuacións para asegurar que se cumpre o establecido e que o servizo se presta en condicións axeitadas.

⚙ Configurar cookies
0.080277919769287