Protección Civil de Ordes-Frades lanza unha campaña para captar novas persoas voluntarias

ORDES voluntarios proteccion civilA Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Ordes–Frades vén de poñer en marcha unha campaña para incorporar novas persoas ao seu equipo. A entidade apela á solidariedade da veciñanza e convida a quen o desexe a colaborar na atención de emerxencias e na prevención de riscos nos dous concellos.
Baixo a mensaxe 'Buscamos voluntarios/as', Protección Civil lembra que facerse voluntario ou voluntaria permite axudar directamente aos veciños e veciñas e, ao mesmo tempo, coñecer de primeira man o funcionamento dos servizos de emerxencias locais. Nas imaxes da campaña poden verse varios dos vehículos cos que conta a agrupación, como todoterreos e pick up equipadas para intervencións.
As persoas interesadas en recibir máis información ou en iniciar o proceso para incorporarse ao corpo de voluntariado deben enviar un correo electrónico á dirección a.v.p.c.ordes@gmail.com. Dende a agrupación explican que a través deste contacto ofrecerase orientación sobre os pasos a seguir, a formación necesaria e o tipo de tarefas que se realizan ao longo do ano.
A campaña especifica que as inscricións permanecerán abertas ata final de ano, polo que Protección Civil Ordes–Frades anima a que quen teña interese se poña en contacto canto antes para poder organizar a formación e a incorporación progresiva das novas altas.