Protección Civil de Ordes-Frades lanza unha campaña para captar novas persoas voluntarias

ACoruñaXa
A agrupación anima á veciñanza de Ordes e Frades a sumarse ao servizo de emerxencias e lembra que as inscricións permanecerán abertas ata final de ano
proteccion-civil
20 Nov 2025

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Ordes–Frades vén de poñer en marcha unha campaña para incorporar novas persoas ao seu equipo. A entidade apela á solidariedade da veciñanza e convida a quen o desexe a colaborar na atención de emerxencias e na prevención de riscos nos dous concellos.

Baixo a mensaxe 'Buscamos voluntarios/as', Protección Civil lembra que facerse voluntario ou voluntaria permite axudar directamente aos veciños e veciñas e, ao mesmo tempo, coñecer de primeira man o funcionamento dos servizos de emerxencias locais. Nas imaxes da campaña poden verse varios dos vehículos cos que conta a agrupación, como todoterreos e pick up equipadas para intervencións.

As persoas interesadas en recibir máis información ou en iniciar o proceso para incorporarse ao corpo de voluntariado deben enviar un correo electrónico á dirección a.v.p.c.ordes@gmail.com. Dende a agrupación explican que a través deste contacto ofrecerase orientación sobre os pasos a seguir, a formación necesaria e o tipo de tarefas que se realizan ao longo do ano.

A campaña especifica que as inscricións permanecerán abertas ata final de ano, polo que Protección Civil Ordes–Frades anima a que quen teña interese se poña en contacto canto antes para poder organizar a formación e a incorporación progresiva das novas altas.

ORDES voluntarios proteccion civil
⚙ Configurar cookies
0.073168992996216