'Profetas' chega este venres a Culleredo cunha historia de amor, memoria e ficción

ACoruñaXa
A obra de Ítaca Teatro e o Centro Dramático Galego poderá verse de balde no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, sen necesidade de reserva previa
Profetas-ítaca-teatro-Lugo
30 Sep 2026

O teatro será protagonista este venres en Culleredo coa representación de 'Profetas', a sexta montaxe de Ítaca Teatro, unha coprodución co Centro Dramático Galego que chega ao municipio despois de pasar por diferentes escenarios galegos.

A función terá lugar o 2 de outubro ás 20.00 horas no auditorio do Edificio Municipal de Servizos Múltiples do Burgo. A entrada será libre e gratuíta e non será necesario realizar unha reserva previa.

A montaxe adapta o texto homónimo de Ernesto Is, gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais en 2021. A versión escénica está dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio e conta con Carlos Rebolo e Elea López como protagonistas.

A historia céntrase no reencontro dunha exparella formada por Ela, dramaturga, e El, artista plástico. A través do diálogo entre ambos, a realidade e a ficción mestúranse mentres intentan reconstruír a memoria da relación que compartiron.

Os protagonistas percorren os filmes que viron xuntos, as cancións que os inspiraron, os medos que acabaron marcando a súa historia e as cidades nas que imaxinaron unha vida en común. A obra aborda así cuestións relacionadas co amor, a creación artística e o compromiso político e artístico.

Unha función para maiores de 15 anos

'Profetas' ten unha duración aproximada de 80 minutos e está recomendada para público maior de 15 anos.

A montaxe conta coa colaboración e apoio de diferentes institucións culturais e municipais, entre elas o Concello de Culleredo e a Deputación da Coruña, dentro da programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

A obra foi seleccionada recentemente como espectáculo recomendado por Camiño Escena Norte e continúa así o seu percorrido por diferentes escenarios galegos.

0.15354084968567