Profesionais da normalización lingüística comparten experiencias no Pazo de Mariñán

O Pazo de Mariñán acolle este xoves o II Encontro de Profesionais da Normalización Lingüística no eido local, unha cita organizada pola área de Lingua da Deputación da Coruña para crear un espazo de traballo, intercambio e inspiración arredor das políticas públicas de dinamización do galego.
A xornada reúne persoal técnico e profesionais vinculados aos servizos municipais de normalización lingüística, co obxectivo de compartir experiencias, analizar novas liñas de actuación e reforzar a cooperación entre administracións locais.
A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra Tuñas, destacou durante a apertura a importancia destes servizos nos concellos, especialmente para impulsar campañas orientadas á infancia e á adolescencia. Agra lembrou que a provincia da Coruña conta con 25 servizos municipais de normalización lingüística, unha cifra que, segundo sinalou, supera amplamente a doutras provincias galegas grazas ao apoio económico da Deputación para financiar este persoal.
O encontro busca xerar coñecemento mutuo entre profesionais, dar a coñecer experiencias inspiradoras e abrir un espazo de diálogo sobre as posibilidades de intervención nos diferentes territorios. Tamén se abordarán posibles modificacións nas bases do FONL, o programa de subvencións da Deputación dirixido a concellos, mancomunidades e entidades locais para crear, manter e reforzar servizos de normalización lingüística.
A programación inclúe formación teórica sobre identidade lingüística e cultural nas infancias e adolescencias, impartida por Natalia Cea, ademais dunha mesa redonda con experiencias de diferentes ámbitos, un coloquio posterior, un diálogo aberto coa Deputación e un espazo participativo para deseñar propostas de intervención.
A Deputación quere que esta segunda edición sirva para reforzar o papel dos concellos na defensa e promoción do galego, levando as campañas máis alá da propia institución e achegándoas ao territorio, aos centros educativos e aos espazos de convivencia da mocidade.