Prim'Art 2026 desprega case vinte citas entre vangarda, tradición e grandes directos ao aire libre

A programación cultural da primavera e do inicio do verán gañará peso en Arteixo coa nova edición de Prim'Art, unha proposta coa que a área de Cultura busca dinamizar rúas e escenarios locais a través dunha oferta ampla e mestiza. O calendario abrangue de abril a xullo e suma case unha vintena de actividades escénicas e musicais, ás que se engaden catro exposicións no CCC Arteixo Manuel Murguía.
A carteleira arrinca cunha clara aposta pola escena contemporánea. Entre as primeiras citas figuran 'Alicia wants to', de Bengala, unha peza de teatro para público adulto que mestura realismo máxico e crítica social, o documental 'Reflexos do amor escuro', a proposta de danza 'BenQuerer', de Fran Sieira, e 'Monte', do Laboratorio Escénico, unha creación que conecta Galicia e Cuba a través da danza, a música e a palabra.
Mais Prim'Art non renuncia ao seu vencello coa identidade cultural do municipio. O programa reserva un espazo destacado para o XXVI Concurso de Música Tradicional e para o XXXVIII Día da Muiñeira, dúas citas ligadas ao traballo de Xiradela, e tamén para o 11º Concurso de Maios. Maio volverá ter ademais un marcado protagonismo literario coa entrega do 35º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía e coa tradicional ofrenda floral en Oseiro.
A programación medrará nas seguintes semanas co II Certame de Teatro Amador, que repartirá funcións entre maio e xuño, co espectáculo de rúa 'Hoxe sí!', de Sempre arriba, e co V Festival ArteYShow, que ocupará o Anfiteatro e a Praza do Balneario. O peche musical chegará xa no tramo final do calendario, co concerto de Anxo Araújo o 26 de xuño e coa actuación de Sofía Espiñeira en formato trío o 3 de xullo, dentro do ciclo 'Elas son artistas'.
A maior parte das actividades desenvolveranse no Auditorio CCC Arteixo Manuel Murguía e no Anfiteatro. As entradas e invitacións poderán retirarse en liña a través de eventosarteixo.com e tamén no propio recinto antes do comezo das funcións, mentres que a información xeral estará dispoñible a través do servizo municipal de Cultura. Con Prim'Art, Arteixo reforza unha programación que busca combinar nomes recoñecidos, novas creacións e tradición popular nun mesmo escaparate cultural.