Preto dun cento de cativos participan no campamento de Nadal de Culleredo

Preto dun centenar de nenos e nenas xa están a gozar do campamento de Nadal que organiza o Concello de Culleredo, unha iniciativa que se repite cada ano para ofrecer unha alternativa de ocio educativo durante as vacacións e contribuír á conciliación familiar.
O programa, baixo o nome de ‘A Misión da Garda do Nadal’, está promovido pola área de Cultura, Educación, Deportes e Participación Cidadá. Vai dirixido a alumnado de entre 3 e 12 anos matriculado en Educación Infantil e Primaria. Nesta edición participan 95 rapaces e rapazas.
As actividades desenvólvense no CEIP Vila de Rutis en horario de 9.00 a 14.00 horas, desde o pasado 22 de decembro e ata o vindeiro 7 de xaneiro. Para ampliar a cobertura ás necesidades das familias, o campamento incorpora tamén servizo de almorzo, de 7.30 a 9.00 horas, e comedor, de 14.00 a 16.00 horas.
A programación inclúe propostas adaptadas ás distintas idades, con especial peso do xogo, o goce ao aire libre, a convivencia e a relación entre os participantes, cun enfoque activo e participativo.
Entre as actividades xa realizadas destacou a sesión de Galicreques celebrada este venres, coa compañía Teatro Escena, que puxo en escena a obra ‘Buh! Que Medo!’. Á función asistiu a concelleira de Cultura, Penélope López, que acompañou os nenos e nenas participantes.
A tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo, destacou que este tipo de iniciativas ‘permiten ofrecer un espazo educativo e lúdico de calidade durante as vacacións, ao tempo que apoian ás familias do municipio na conciliación da súa vida laboral e persoal, algo que para nós é fundamental’.