Presentase o libro 'Manuel Murguía. Homenaxe' en Arteixo
O Auditorio do Centro Cívico Manuel Murguía de Arteixo, no Paseo Fluvial, acolleu esta mañá a presentación do libro 'Manuel Murguía. Homenaxe'. Ao acto acudiron os alumnos dos últimos ciclos de secundaria e bacharelato dos centros de ensino da localidade. Ademais de María Dubra, concelleira de cultura; Xosé Amancio Liñares Giraut (coordinador da edición) que explicou o seu contido; Armando Requeixo, en representación do Centro Ramón Piñeiro; e Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, que pechou o acto.
Esta publicación é unha edición preparada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP)-Xunta de Galicia en conmemoración do centenario do falecemento do historiador e polígrafo. No libro faise un rescate dun fragmento do nº 246 de Galicia (“Revista oficial del Centro Gallego de Buenos Aires”, xuño, 1933), que recolle unha solemne homenaxe tributada a Murguía en Bos Aires, onde se inclúe como parte esenciala edición facsimilar da crónica dese evento, así como unha descrición e análise do contido da mesma, preparada por Amancio Liñares Giraut, coordinador da presente edición e director do Ámbito de Estudos en Historia Contemporánea do CRPIH.
A obra compleméntase cunha Presentación, asinada polo Consellleiro de Cultura, Educación FP e Universidades, Román Rodríguez González, e cuns Anexos, que reproducen o Discurso de Manuel Murguía nos Xogos Florais de Tui (1891); o artigo “Manuel Murguía, o gran precursor”, de Francisco Fernández del Riego; Cronobiografía (de Teresa Monteagudo Cabaleiro e Luís Alonso Girgado) e máis unas ilustracións murguinianas achegadas por Siro López.