Presentan na Coruña a biografía de Federico Tapia Segade, pioneiro da política republicana na cidade

ACoruñaXa
O libro destaca o legado do primeiro alcalde republicano da Coruña e a súa contribución ao desenvolvemento cultural, social e urbanístico
Presentación da biografía de Federico Tapia Segade
17 Jan 2025

A Casa Museo Casares Quiroga acolleu esta mañá a presentación do libro ‘Federico Tapia Segade (1825-1891). Primeiro alcalde republicano da Coruña’, unha biografía que explora a vida e o legado deste ilustre coruñés. O acto foi presidido polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, quen destacou o papel fundamental de Tapia Segade para converter A Coruña nunha cidade vangardista e ilustrada.

A obra, editada pola Fundación Luís Tilve e escrita por Ana Romero Masía e Carlos Pereira Martínez, foi presentada no acto polo propio Gonzalo Castro, acompañado por Guillerme Pérez Agulla, director da Fundación Luís Tilve. Segundo Castro, “o Goberno de Inés Rey ten moi presentes as figuras que fixeron desta cidade un exemplo de modernidade e progresismo, claves no seu desenvolvemento como urbe de referencia no noroeste peninsular”.

O libro relata con rigor e talento os momentos máis destacados da vida de Federico Tapia Segade, quen, como primeiro alcalde republicano da Coruña, impulsou proxectos transformadores como o nacemento do Ensanche. Durante o seu mandato e vida, a cidade experimentou avances decisivos, como a chegada do ferrocarril, a creación das primeiras entidades bancarias locais e un ambiente cultural efervescente con faladoiros, ateneos e xornais.

Federico Tapia, membro dunha familia burguesa coruñesa, destacou non só pola súa traxectoria política, senón tamén pola súa implicación en asociacións culturais, sociais e benéficas, así como pola súa participación na masonería. Foi nomeado alcalde en febreiro de 1872, nun contexto de grande axitación política e social.

Esta biografía é unha homenaxe ao home que, desde o traballo diario e a implicación institucional, marcou un antes e un despois na historia da Coruña. A súa memoria, plasmada neste libro, convida a redescubrir un período clave para entender o carácter actual da cidade.

0.051527976989746