PP de Culleredo atribúe a marcha do CETIM a Arteixo á 'falta de garantías' e presume de frear a cesión gratuíta de La Cros

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Culleredo, Izaskun García, sostén que o traslado do CETIM ao polígono de Morás (Arteixo) é consecuencia directa da 'falta de transparencia e de garantías' no plan deseñado polo alcalde, José Ramón Rioboo, para as naves de La Cros. 'O proxecto contemplaba unha cesión a custo cero que o PP rexeitou desde o primeiro minuto', afirmou.
García lembrou que o seu grupo marcou como liñas vermellas 'a transparencia, a seguridade xurídica, a colaboración público-privada e contraprestacións económicas reais en favor da veciñanza'. Nese sentido, reivindicou que 'o PP impediu a privatización gratuíta de La Cros que pretendía Rioboo'.
A dirixente popular enfatizou as diferenzas entre as alternativas postas sobre a mesa: 'Non é comparábel reservar 6.000 m² nun polígono industrial en Arteixo co que se quería facer en Culleredo: ceder 13.000 m² en pleno centro urbano, nun espazo emblemático e estratéxico para o concello'.
Segundo explicou, o CETIM 'barallou diversas localizacións, incluída a Cidade das TIC na Coruña, onde tamén debería aboar un canon'. Para García, a decisión final responde ao feito de que 'cando soubo que en La Cros a cesión non sería gratis e que debía cumprir condicións económicas que revertisen na cidadanía, optou por Morás'.
A portavoz popular tamén responsabilizou a Rioboo da perda de oportunidades empresariais: 'Culleredo segue sen solo industrial mentres outros concellos captan proxectos estratéxicos', citando exemplos como Amazon en Cambre, Estrella Galicia ou Nova Pescanova en Morás, e o centro loxístico de Inditex na Laracha. 'A Rioboo acabóuselle o tempo para sacar adiante proxectos relevantes e non lle imos dar máis oportunidades', advertiu.
De cara ao futuro, García comprometeu o traballo do PP para definir 'un proxecto sólido para La Cros' que xere 'beneficios reais e duradeiros' para os veciños: 'Daremos unha nova vida ao espazo, impulsando emprego, servizos e oportunidades para Culleredo'.