Posta a punto dos areais urbanos en Sada antes do verán

O Concello de Sada puxo en marcha novos traballos de mantemento e acondicionamento nas praias urbanas de Sada Nova e As Delicias co obxectivo de preparar estes espazos de cara á tempada estival. A actuación realízase a través da Concellería de Obras e Servizos e Medio Ambiente, que busca mellorar as condicións de uso dos areais e ofrecer unha contorna máis limpa, cómoda e agradable para veciñanza e visitantes.
As tarefas céntranse no movemento e redistribución da area, xa que o paso do tempo, a acción das mareas e o vento provocaron acumulacións nalgúns puntos e perda de area noutros. Con esta intervención preténdese homoxeneizar a superficie das praias e facilitar un uso máis axeitado destes espazos durante os meses de maior afluencia.
Ademais, o Concello ten previsto executar proximamente a reparación da escollera e das escaleiras situadas no extremo da zona verde do Curruncho. Os temporais costeiros rexistrados durante o inverno, xunto coa acción continuada das mareas, erosionaron a base sobre a que se asentaba esta estrutura, retirando parte do soporte de area e deixando a zona sen apoio suficiente.
Desde o goberno local explican que se trata dunha intervención complexa, ao desenvolverse nun punto especialmente exposto ao mar e sometido á dinámica litoral. Por iso, os traballos realizaranse co obxectivo de reforzar a estabilidade da estrutura a longo prazo.
A maiores, a Concellería de Deportes volverá instalar as porterías da zona do Curruncho, moi utilizadas polas persoas usuarias do areal para a práctica deportiva, unha vez completadas as correspondentes tarefas de mantemento.