Portas abertas, ciencia e escape room para celebrar o Día dos Museos na Coruña

A Coruña celebrará este sábado 23 de maio o Día Internacional dos Museos cunha programación pensada para achegar a cultura, a ciencia e o patrimonio a todos os públicos. A xornada desenvolverase en museos municipais, casas museo, salas de exposicións e Museos Científicos, con actividades gratuítas e propostas para familias, público infantil e persoas adultas.
A celebración enmárcase no lema internacional 'Museos unindo un mundo dividido', co que se reivindica o papel destes espazos como lugares de encontro, diálogo, participación e convivencia. A cidade súmase así a unha cita que busca reforzar a relación entre a cidadanía e os centros culturais.
Un dos grandes atractivos da xornada será a entrada gratuíta á Casa das Ciencias, á Domus e ao Aquarium Finisterrae, que abrirán de 10.00 a 19.00 horas. Na Casa das Ciencias poderanse visitar libremente as salas de exposición, aínda que as sesións do Planetario requirirán invitación previa. A Domus terá acceso libre, agás o espazo MiniDomus, para o que será necesaria reserva anticipada. No caso do Aquarium, será imprescindible reservar entrada pola previsión de alta demanda, aínda que as persoas maiores de 65 anos poderán acceder sen reserva.
O Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón tamén se suma á celebración cunha xornada de portas abertas ata as 24.00 horas e unha programación centrada na arqueoloxía e na creación artística. Haberá obradoiros infantís ás 11.45 e ás 17.00 horas, unha actividade para público adulto sobre as Venus do paleolítico ás 19.00 horas e visitas guiadas ao castelo e ás coleccións do museo ás 12.00 e ás 21.00 horas. Todas as propostas son gratuítas, pero precisan inscrición previa.
As casas museo tamén terán protagonismo. A Casa Museo Casares Quiroga ampliará horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, con visita guiada ás 12.00 horas e concerto acústico de Silvia Penide ás 19.00 horas. A Casa Museo María Pita acollerá un escape room dramatizado para público familiar, mentres que a Casa Museo Picasso recibirá a compañía Os Náufragos con 'Vinte', unha actividade teatral con pases ás 11.00 e ás 18.00 horas.
A programación complétase nas salas municipais de exposicións. No Quiosco Alfonso, a mostra 'Trazos', de David Pintor, contará cun obradoiro infantil e familiar ás 12.00 horas e unha visita comentada ás 18.00 horas. Pola súa banda, o Palacio Municipal acollerá ás 22.00 horas unha sesión performativa audiovisual en directo vinculada á exposición 'RESIS 2026: TO HO BOC GE a/v', de Juan Lesta e Marco Maril.
O Museo de Belas Artes da Coruña tamén celebrará a data cunha apertura extraordinaria ata as 23.30 horas, obradoiros familiares, visitas guiadas á colección permanente e un concerto de 'Bigmike's Dixie Five' ás 21.30 horas, con entrada libre ata completar aforo.
A cidade converterá así o sábado nun percorrido aberto polos seus museos, cunha oferta que combina ciencia, historia, arte contemporánea, memoria local e propostas escénicas para redescubrir espazos que forman parte da vida cultural coruñesa durante todo o ano.