Pontón reivindica en Arteixo un cambio político da man de Carlos López Cotelo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este sábado en Arteixo un cambio político no municipio da man do candidato nacionalista á Alcaldía nas eleccións municipais de 2027, Carlos López Cotelo. Durante a súa visita á Romaría de Sisalde, a líder do BNG defendeu a necesidade de avanzar cara a un Arteixo 'máis próximo, máis áxil e máis democrático'.
Pontón asegurou que López Cotelo é 'unha persoa nova, que ten todo o empuxe e experiencia, que quere facer de Arteixo un lugar mellor para vivir', e afirmou que o BNG vai 'dalo todo' para 'abrir un tempo novo neste concello'.
A portavoz nacional sinalou que Arteixo conta con 'moitas posibilidades', pero tamén con problemas aos que, ao seu xuízo, é necesario dar resposta. Entre eles situou o acceso á vivenda e o reforzo dos servizos públicos, ao advertir de que as dificultades para acceder a unha vivenda poden provocar a expulsión de poboación do municipio.
Pontón puxo como referencia a transformación experimentada por Carballo e defendeu os gobernos municipais do BNG como 'un modelo de éxito'.
A líder nacionalista tamén se referiu ao incremento do custo da vida e reclamou medidas para aliviar a situación económica das familias. Segundo sinalou, o BNG reclama 400 millóns de euros para facer fronte a este problema e acusou o Goberno galego de ter 'outras prioridades'.
Pontón afirmou que o aumento dos prezos da alimentación, dos carburantes e da electricidade está dificultando que moitas familias poidan chegar a final de mes. Tamén se referiu aos gastos asociados ao inicio do curso escolar e asegurou que 'hai miles de familias que teñen que facer malabares para poder pagar as facturas, a hipoteca ou o alugueiro'.
Neste contexto, criticou o gasto do Partido Popular na súa nova sede de San Caetano. 'É moi difícil explicarlle a unha familia que fai malabares para chegar a fin de mes como o Partido Popular pode gastarse até mil euros nunha cadeira para a súa nova sede', afirmou.
Para a portavoz do BNG, esta situación evidencia que 'non estamos ante un problema de recursos, senón ante un problema de prioridades'.
Durante a súa visita, Pontón tamén puxo en valor a Romaría de Sisalde, que se celebra desde 2017 e reúne cada ano miles de persoas arredor da música, a festa e a convivencia. A nacionalista destacou a combinación da tradición das romarías populares coa música folk e a capacidade do evento para poñer en valor a fraga de Sisalde, o asociacionismo cultural e a artesanía da zona.
A romaría, segundo Pontón, converteuse así nun espazo de encontro para a veciñanza de Arteixo e para persoas chegadas doutros lugares.