Pontón propón reforzar a atención á diversidade e un plan de mellora para os centros de ensino

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou este martes na Coruña unha proposta de reforzo para a escola pública centrada en tres frontes: máis recursos para a atención á diversidade, un plan de mantemento e mellora dos centros de ensino e a xestión directa dos comedores escolares por parte da Xunta. A iniciativa foi exposta tras un encontro con representantes das ANPAS e da federación provincial de centros públicos da Coruña.
Entre as medidas anunciadas, Pontón situou como prioridade un plan dotado con 10 millóns de euros para contratar persoal de apoio suficiente e garantir unha atención axeitada ao alumnado con necesidades educativas especiais. A líder nacionalista defendeu que a inclusión non debe limitarse á presenza do alumnado na aula, senón que require medios humanos e resposta específica ás necesidades de cada caso.
Outra das propostas pasa por impulsar un plan de mantemento e mellora das infraestruturas educativas, a partir dunha avaliación previa do estado de cada centro. Pontón reclamou que sexa a Xunta quen asuma de maneira integral a rehabilitación dos colexios, ao considerar que se trata dunha competencia autonómica e que non debería seguir recaendo parcialmente nos concellos.
No paquete de medidas, o BNG tamén inclúe que o Goberno galego pase a xestionar directamente todos os comedores escolares, evitando que esa responsabilidade continúe recaendo nas ANPAS e nos municipios. Segundo defendeu Pontón, trátase dun servizo clave tanto para a igualdade do alumnado como para a conciliación das familias.
A comparecencia produciuse nun contexto de crecente malestar na comunidade educativa coruñesa. Nas últimas semanas, as ANPAS veñen denunciando deficiencias estruturais en numerosos centros públicos, falta de profesorado de apoio e a necesidade de solucións a longo prazo. O propio Concello da Coruña fixo público recentemente un informe no que advirte da urxencia de reformas de maior alcance en varios colexios da cidade.