Pontón chama a defender os dereitos laborais fronte ao plan da Xunta sobre as baixas

GaliciaXa | ACoruñaXa
A portavoz nacional do BNG participou na manifestación do Primeiro de Maio na Coruña e acusou a Rueda de 'criminalizar' ás persoas traballadoras
A CORUÑA ana ponton 1 de maio
1 May 2026

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este venres na Coruña na manifestación do Primeiro de Maio, onde chamou a defender os dereitos da clase traballadora e a non dar 'nin un paso atrás' fronte ao plan da Xunta sobre as baixas laborais.

Pontón centrou boa parte da súa intervención nas críticas ao presidente galego, Alfonso Rueda, ao que acusou de poñer en risco dereitos laborais e de 'criminalizar' ás persoas que enferman. A dirixente nacionalista vinculou a mobilización deste 1 de maio coa defensa dun traballo digno, con salarios xustos e con servizos públicos capaces de responder ás necesidades da cidadanía.

A líder do BNG cuestionou que a Xunta sitúe o foco nas baixas laborais cando, segundo destacou, Galicia é a segunda comunidade autónoma con menos baixas do Estado. Pontón asegurou ademais que no país se realizan cada semana máis de 100.000 horas extra sen remunerar e que a sinistralidade laboral continúa a ser un dos principais problemas do mercado laboral galego.

A portavoz nacionalista tamén relacionou a duración dalgunhas baixas co estado da sanidade pública. Nese sentido, sostivo que os atrasos en especialidades como traumatoloxía ou a falta de recursos en saúde mental acaban repercutindo nos tempos de recuperación das persoas traballadoras.

Pontón reclamou a Rueda que rectifique e que oriente as políticas da Xunta a combater a precariedade, a fraude nas horas extra, os accidentes laborais e o colapso sanitario. 'O que necesita Galicia é que se protexa á xente traballadora, que é a que levanta o país', defendeu.

Durante a súa comparecencia ante os medios, a portavoz do BNG tamén se referiu á moción de censura presentada en Lugo polo PP co apoio da concelleira non adscrita María Reigosa. Pontón cualificou a operación como un 'ataque directo á democracia' e acusou aos populares de querer alterar a vontade expresada pola cidadanía nas urnas.

0.11819887161255