Píscore leva o humor e a música barroca ao público familiar de Arteixo con ‘Molto Barroco’

O humor e a música clásica daranse a man en Arteixo o vindeiro venres 30 de outubro coa representación de ‘Molto Barroco’, unha proposta da compañía Píscore dirixida ao público familiar. A función terá lugar no Auditorio Manuel Murguía a partir das 19.00 horas e está recomendada para nenos e nenas a partir dos cinco anos.
A obra, cunha duración aproximada de 60 minutos, traslada o público á corte real para presentar unha disparatada historia arredor dun encargo musical. O Compositor oficial do Rei debe crear unha peza orixinal para o baile de petición de man da prometida do monarca, unha tarefa que se complicará coa aparición dun triángulo amoroso entre os tres protagonistas e as intervencións dun irreverente Bufón.
A partir desta trama, ‘Molto Barroco’ combina a comedia de enredo coas interpretacións musicais en directo e diferentes recursos escénicos. O teatro, os gags cómicos, a danza, os malabares e o humor físico son as ferramentas coas que Píscore busca achegar a música barroca a pequenos e maiores dun xeito lúdico e accesible.
A montaxe está dirixida por Fran Rei e conta cun elenco integrado por Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas, que combinan a interpretación teatral coas habilidades musicais e físicas para dar vida aos personaxes desta historia.
As entradas teñen un prezo de tres euros para o público xeral e de 2,25 euros na modalidade reducida. Poderán adquirirse no despacho de billetes do Auditorio unha hora antes da función ou a través da venda en liña na web.