Pilar Ortega e Antonio Manuel Fraga gañan o XX Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil

GaliciaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
O certame da Deputación da Coruña bateu o seu récord de participación con 84 obras presentadas, case o dobre que na edición anterior
DIPU CORU raiña lupa
2 Nov 2026

A escritora Pilar Ortega e o autor pontedeumés Antonio Manuel Fraga son os gañadores da vixésima edición do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, convocado pola Deputación da Coruña. Ortega obtivo o galardón na categoría Infantil pola obra 'A bruxa Maruxa que non aturuxa', mentres que Fraga foi distinguido na modalidade Xuvenil por 'Canguros de Marcory'.

O xurado destacou da obra de Pilar Ortega a súa capacidade para construír unha historia 'moi divertida' cunha trama ben desenvolvida entre a realidade e a fantasía. Tamén valorou a reinterpretación das tradicións, da música popular e da tradición oral galega, así como a voz narrativa e a personalidade espontánea da protagonista, que rompe coas convencións sociais.

No caso de 'Canguros de Marcory', de Antonio Manuel Fraga, o xurado salientou a súa capacidade para achegar os lectores a unha realidade pouco coñecida a través dunha viaxe de autocoñecemento entre amigos na Costa de Marfil. A música funciona como fío condutor entre o pasado, o presente e o futuro dos personaxes.

A edición deste ano acadou unha cifra récord de participación, con 84 orixinais recibidos, fronte aos 49 da convocatoria anterior. O incremento supón case duplicar o número de obras presentadas e consolida a vixésima edición do premio como unha das máis concorridas da súa historia. Tanto a categoría Infantil como a Xuvenil contan cunha dotación económica de 6.500 euros.

O xurado estivo integrado pola escritora Antía Yáñez, gañadora da pasada edición, Quique Mauricio, Montse Pena, Anxo Fariña e Ivana Gómez, en representación de Galix.

Dúas traxectorias recoñecidas na literatura galega

Pilar Ortega Pereiro naceu en Vigo en 1975, cidade na que reside e traballa como docente de Tecnoloxía no ensino secundario desde 2001. Enxeñeira industrial pola especialidade de Mecánica, compaxina desde moi nova a súa formación científica coa creación literaria. Ao longo da súa carreira recibiu, entre outros recoñecementos, o segundo premio de Novela Curta do Concello de Soutomaior en 2008 por 'Virxinia', o XII Premio de Microrrelato Carlos Casares por 'Gangrena', o XIX Premio de Narración Curta Ánxel Fole en 2017 por 'Principio de Incerteza' e o IV Premio María Victoria Moreno.

Pola súa banda, Antonio Manuel Fraga naceu en Pontedeume en 1976 e formouse como enxeñeiro técnico industrial antes de dedicarse á escritura. É un dos autores con maior traxectoria recoñecida na literatura infantil e xuvenil galega. Entre os seus premios figuran o Merlín de Literatura Infantil de 2013 por 'O Castañeiro de Abril', o Antón Risco de Literatura Fantástica de 2015 por 'Querido H.P. Lovecraft' e o Premio da Crítica de Galicia de Creación Literaria de 2017.

A súa obra tamén foi distinguida co María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil en 2018 por 'O bestiario científico de Anxos Nogueirosa', o Jules Verne de Literatura Xuvenil en 2020 por 'Santoamaro' e varios Premios Follas Novas, entre outros recoñecementos. En 2024 recibiu o Premio Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero pola novela 'Askja' e en 2025 o Premio Frei Martín Sarmiento.

0.16018199920654