Perillo celebra na casa unha bandeira feminina e un segundo posto masculino na XI Bandeira Concello de Oleiros

O Club de Regatas Salgado-Perillo deixou un gran sabor de boca na regata disputada este sábado nas augas de Santa Cristina, onde exerceu de anfitrión da XI Bandeira Feminina Concello de Oleiros e dunha nova xornada da competición de traiñeiras. O equipo feminino proclamouse vencedor da bandeira, mentres que a embarcación masculina finalizou na segunda posición tras unha regata moi igualada.
A vitoria da traiñeira feminina permitiu ao conxunto de Perillo sumar unha nova bandeira ao seu palmarés nesta tempada, confirmando o excelente momento de forma que atravesa o equipo e consolidando a súa candidatura a seguir loitando polos primeiros postos da competición.
Pola súa banda, a traiñeira masculina estivo moi preto de conseguir o triunfo diante da súa afección. A embarcación cruzou a meta en segunda posición, a tan só tres segundos da vencedora, despois dunha regata moi disputada na que mantivo as opcións de vitoria ata os últimos metros.
A cita reuniu numeroso público no Parque de Nirvana e nas inmediacións da praia de Santa Cristina, onde afeccionados e veciños seguiron de preto unha das probas máis especiais do calendario para o club, ao celebrarse diante da súa afección.
Desde o Club de Regatas Salgado-Perillo tamén quixeron destacar a colaboración do Club de Remo Ares, que cedeu unha traiñeira para que o equipo masculino poida competir durante esta tempada, un xesto que cualifican como un exemplo dos valores de cooperación que caracterizan ao remo galego.
A entidade agradeceu ademais o apoio recibido por patrocinadores, colaboradores, persoas voluntarias e afección, cuxa implicación resultou fundamental para o desenvolvemento dunha xornada que volveu converter Santa Cristina nun dos epicentros do remo galego.