Pequechef volve cun obradoiro de cociña para menores empadroados en Coirós

O Concello de Coirós organiza unha nova edición do obradoiro Pequechef, unha actividade pensada para favorecer a conciliación das familias e ofrecer aos máis pequenos unha proposta lúdica e educativa arredor da cociña.
A cita celebrarase o sábado 23 de maio, de 11.30 a 13.00 horas, no Baixo Social da SCRD Fillos de Ois, situado en Fontelo número 37. O obradoiro está dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 14 anos, empadroados no Concello de Coirós.
Durante a actividade, os menores participarán sós nos talleres, acompañados por persoal cualificado. A proposta busca que os nenos e nenas poidan achegarse ao mundo da cociña dunha maneira divertida, segura e adaptada á súa idade, ao tempo que se promove a autonomía e a aprendizaxe a través da práctica.
As prazas son limitadas e a actividade conta cun copago de 6 euros. As familias interesadas deberán realizar a inscrición a través do formulario habilitado polo Concello. O prazo permanecerá aberto ata o martes 19 de maio.
Desde a organización lembran tamén a importancia de indicar na inscrición se os participantes padecen algunha alerxia, co obxectivo de adaptar a actividade e garantir o seu correcto desenvolvemento.