Penitence in Darkness impóñense na Batalla de Bandas do Flores Rock de A Coruña

Penitence in Darkness foi a banda gañadora da Batalla de Bandas do Flores Rock, celebrada este sábado na praza do Sol Nacente, no Barrio das Flores. O certame deixou tamén a Ewaric como segunda clasificada, polo que ambas formacións actuarán no festival, que terá lugar os días 4 e 5 de setembro.
A cita reuniu oito grupos de rock e metal emerxentes nunha tarde de música ao aire libre impulsada polo Concello da Coruña e a Plataforma Veciñal do Barrio das Flores. O obxectivo da iniciativa é apoiar novas propostas musicais e facilitar a súa presenza na programación cultural da cidade.
Ao longo da xornada subiron ao escenario Keepers, Five Pipers, Here Comes The Pain, Baila Cuchillo, Graxa, Ewaric, Replicantes e Penitence In Darkness. Tras as actuacións, Penitence in Darkness obtivo a mellor valoración do concurso e asegurou a súa participación no Flores Rock 2026. Ademais, a banda recibiu como premio a gravación dun videoclip.
Pola súa banda, Ewaric conseguiu o segundo posto e tamén formará parte do cartel do festival. O grupo foi recoñecido cunha experiencia nun estudio de gravación.